Programa Entrelazados, na RâdioFilispíM

Presentación


Ola a todas e a todos radiooíntes da RâdioFilispíM, estades escoitando o programa Entrelazados, un novo programa na grella da radio libre e comunitaria da terra de Trasancos. A sintonía que escoitades acompañaranos como sintonía durante este novo percorrido a través das ondas filispinianas, que non é outra que a Marcha do entrelazado de Allariz interpretada polo grupo Breogán no seu álbum Marea Alta. Podedes atopalos de modo libre e de balde en Jamendo.com.

Quero convidarvos radiooíntes a visitar o blog do colectivo opaii.blogspot.com, para escoitar a radio vía streaming e para visualizar a grella con todos os programas e os seus horarios correspondentes, etcétera.

Arrincamos os motores para despegar nesta aventura nas ondas da comarca cun programa divulgativo en lingua galega. O programa “Entrelazados” na RâdioFilispíM terá o propósito de informar a toda a comunidade, sobre todo a xente inqueda que queira informarse da outra cara das novas que os medios de comunicación globalizados non comunican ou manipulan ao antollo do poder.

• O programa “Entrelazados” ten o propósito de informar sobre acontecementos históricos en Galicia.
• Informarase sobre misterios do mundo e da terra e entrarase neles con profundidade.

• Escoitarase música galega e de grupos noveis. Darase a coñecer novas sobre a cultura e literatura galega actual, sobre persoeiros, asociacións ou colectivos.

• Un programa galego para os galegos de todo o mundo. Un programa que entrelazará cos oíntes, permitíndolle participar por vía telefónica na sección do oínte: A túa voz ou por email ou twitter.

En xeral, un programa feito para o voso entretemento, un espazo, onde vós e eu, estaremos  entrelazados para ir xuntos no camiño da aprendizaxe e do coñecemento.

Benvidas e benvidos ao programa Entrelazados.

0 comentarios :

Publicar un comentario