Programa Entrelazados, na RâdioFilispíM

Sección Literatura Galega II

Este mércores día 8 de outubro, de 21:00 a 22:00 h, nova emisión do programa Entrelazados, na RâdioFilispíM, 93.9 FM. Na sección literatura galega, teremos a primeira pasaxe da historia galega coa voz de Manolo Basoa.

 Primeira pasaxe da historia galega:
 A Batalla do Monte Medulio


Despois dun gran banquete e con abundantes síntomas de estar embriagados, os últimos guerreiros das terras nobres non se amedrentaron ante a vista dos acontecementos vindeiros e uniron as súas forzas para defender o seu territorio, os seus costumes e a súa historia. Defendían tamén a súa honra. Os bravos guerreiros galaicos esperaban o momento do enfrontamento, coñecían á perfección esas terras e podían planear a súa estratexia para defenderse ante as implacables lexións romanas que se achegaban ao mando de Cayo Furnio e Publio Carisio.

Corría o ano 22 a. C, poucas terras faltaban de Gallaecia por ser dominadas polos romanos como "Sicenata Pacata" (quedos e pacificados). Pero antes diso quedáballes reducir un bo número de sublevados paisanos aliados, ben dispostos a morrer antes de ser romanizados. Á beira do río Miño elevábase o monte Medulio; monte escarpado, fragoso e cheo de rochas e penas, case inaccesible. Os propios guerreiros aliados crearon un foso para aumentar a resistencia ante os romanos, que se ían achegando. Escondéronse en distintos lugares para sorprender ás centurias, as dúas lexións romanas esperaban ao outro lado do río Minio flumini inminenten (río Miño). Os centurións Antisio e Firmio; cada un por unha aba diferente, dirixían ás súas cohortes de lexionarios cara ao cume, estaban desexosos de aniquilar canto antes os resistentes guerreiros galaicos. O mesmo terreo galaico lles estaba a crear bastantes baixas, pois sucedíanse as trampas durante a ascensión e os lexionarios romanos ían caendo feridos por esvaróns e caídas. O terreo facíaselles impracticable para a batalla. Cayo Furnio ordenou ás novas centurias ascender a montaña, cada unha delas co seu estandarte, intentaban gardar a súa conxunción ante o quebrado terreo. Pouco a pouco achegábanse ao gran foso creado polos resistentes aliados. O sol comezaba a elevarse ocultado, de cando en vez, por algunha nube negra que ameazaba chuvia. Achegábase o mediodía.

Rodeados por todos os francos da montaña, non tiñan outra opción que esperar a chegada dos romanos. Cando estes superaron o foso comezaron a botarlles pedras e fachos que pronto crearon incendios ao prender os toxos, facendo máis arduo o labor dos romanos ao ascender o gran Monte Medulio. Boa parte das xentes dos poboados das terras ocupadas de Gallaecia atopábanse refuxiadas no cume do Monte, resistentes a desprenderse das súas vidas libres.

As mulleres prendían fachos, creaban cadeas humanas para facerllas chegar aos homes, que se encontraban na beira do acantilado botándoas ao momento cara aos romanos. Os nenos recompilaban pedras de distintos tamaños e creaban montículos preto dos adultos para que estes lanzasen as pedras. Conseguían, por veces, o seu obxectivo. A cantidade de centurias romanas ían minguando en número de compoñentes polos distintos impactos que recibían dende arriba. Inda así, pouco a pouco, avanzaban no duro terreo. A punto estaban os romanos de comezar a escalar os últimos metros cara ao cume cando das distintas matogueiras saíron como furias os iracundos guerreiros galaicos, comezaron a matar aos romanos cunha saña inusitada. Sabían que ían morrer, pero morrerían matando. Antes de falecer deron conta dun bo número de romanos, máis dun estandarte dalgunha centuria xacía en medio dos toxos quedando quizais esquecido para sempre. O tempo encargaríase de cubrilo de vexetación e enterraríao como testemuña da valorosa batalla no Monte Medulio.

Os recursos para defenderse fixéronselles escasos. Viron morrer moitos guerreiros, metros abaixo, cruzados polas lanzas romanas. Non lles quedaba outra opción para lograr a súa liberdade. Xa o tiñan todo programado, en caso de que sufrisen a derrota na batalla, nunca se entregarían aos romanos, ou loitaban ata a morte, ou mataríanse suicidándose para perpetuar a súa liberdade. Os nenos posuían as bagas, que foron recompilando dos teixos da zona. Todos choraban, apertábanse, berraban. O tempo esgotábase. Todos os galaicos valentes que quedaban comezaron a repartirse bagas vermellas velenosas, foron inxerindo varias á vez. Familias enteiras arremuiñábanse no arboredo do cume esperando o seu momento para perecer. Mirábanse con medo. As nais choraban cando vían aos seus fillos debilitarse e coma o veleno ía facendo efecto no seu organismo. Vían como ían apagándose as súas vidas paseniño. Os máis veteranos, aínda desexaban matar algún romano máis, non se entregarían así como así á morte. Outros guerreiros, en cambio, preferiron morrer xunto ás súas familias afundíndose unha daga no corazón tras escoitar o último latexo do corazón do seu ser querido. Morrían cara á liberdade, para seguir sendo galaicos libres, para seren sempre persoas libres na súa terra libre ata eses momentos.

Outros guerreiros atravesáronse mutuamente coas súas espadas. Abrazábanse nun pequeno ritual antes de proceder a afundir a súa espada na carne do outro, facíano á mesma vez. Ambos os dous, caían feridos de morte dando os seus derradeiros suspiros. Algún prendeu lume ás súas roupaxes e botouse monte abaixo para intentar propagar as chamas aos romanos próximos, e estes, ao chegar á súa altura, o deixaban arder mentres o observaban berrar e consumirse baixo o lume.

Os invasores romanos foron chegando ao cume. Ficaron perplexos ao atopar unha enorme cantidade de guerreiros galegos, bravos e rexos guerreiros, inertes no chan. Mortos xunto as súas familias. Non entendían, estaban desexosos de matar e a súa xenreira aumentou ao comprobar que a batalla rematara. Algún que outro romano incrédulo comezou a cravar a súa lanza nos diferentes corpos que ía encontrando, coma para asegurarse de que realmente estaban mortos. Estábano, suicidáranse. Un suicidio múltiple pola liberdade. Pola liberdade das terras de Gallaecia. A honra dos últimos e bravos resistentes guerreiros galaicos nunca máis sería vencida.

A súa historia, sorprendeu ás altas esferas de Roma, que falaban da enorme valentía dos galaicos, moi parecidos aos galos, que preferiron morrer con orgullo, proclamando a súa liberdade antes que ser romanizados. A Gallaecia chamáronlle a pequena Galia. O monte Medulio quedou para sempre abandonado coas vítimas no seu cume e converteuse no símbolo da liberdade das terras galaicas.

A falta de máis datos, entre outras posibilidades, crese na posibilidade de que o Monte Medulio estivese situado na Serra do Caurel, en Lugo. O actualmente chamado monte Cido, topónimo Occidio, (matanza, carnizaría). Alí, no monte Cido, atopouse un antigo foso,un estandarte romano coa aguia imperial e, outros varios vestixios romanos. É un monte escarpado, de difícil acceso, onde proliferan os teixos, esas árbores cuxos froitos velenosos serviron para suicidarse aos últimos guerreiros resistentes das terras libres galaicas.

Outros, en troques, din que o monte Medulio é o actual olimpo dos deuses celtas o chamado Monte Pindo. Oxalá. Algún día, saibamos o verdadeiro emprazamento deste monte que foi testemuña da valentía dos guerreiros galaicos.

"Por último tivo lugar o asedio do Monte Medulio, sobre o cal, despois de cercalo cun foso continuo de quince millas, avanzaron a un tempo os romanos por todas as partes. Cando os bárbaros víronse reducidos á extrema necesidade, a súa porfía, no medio dun festín, déronse a morte co lume, a espada e o veleno que alí acostuman a extraer dos teixos. Así, a maior parte, librouse da catividade, que a unha xente ata entón indómita parecía máis intolerable que a morte..."

Lucio Anneo Floro.

Relato creado por Xurxo Gago Chao

0 comentarios :

Publicar un comentario